Banda Infantil de Taragoña

BENVIDOS Ó BLOG DA BANDA DE MÚSICA INFANTIL DE TARAGOÑA! En primeiro lugar mandar un saúdo a todos os que un día formamos parte desta banda de música e un cariñoso recordo para os que tamén formaron parte de ela e desgraciadamente xa non se encontran entre nós.

Mediante este blog queremos reunir de novo á familia musical e a todas aquelas persoas que participaron no proxecto da súa creación e desenvolvemento. Queremos que sexa unha homenaxe a uns tempos de amistade, de unión e de traballo constante.

Esperamos que vos guste recordar con nós e que non nos esquezades no presente!



2017, concerto 40º aniversario


Moi boas a todos!

Volvemos para deixarvos fotos da nosa actuación de hoxe 8 de decembro do 2017, o 40º aniversario da nosa formación. Estamos orgullosos deste concerto e de seguir en certa maneira coa labor que empezamos catro décadas atrás. Algúns xa non están con nós e outros por diversas razóns non asistiron a esta acto de conmemoración pero temos igual un fermoso recordo de todos eles. 

Grazas especiais a Che e Paco "Os Lorchos"por compartir con nós este día, non sería o mesmo sen eles.

Antes, este pequeno "intro": A banda infantil de Taragoña digamos que pasou por varias fases; a primeira foi a dos músicos fundadores, os que tocamos no concerto inaugural do 8 de decembro do 1977; o profesor José España Lorenzo estaba de director e José Ces Lorenzo (Che o Lorcho) de subdirector.


No programa "300 Millones", José España Lorenzo dirixindo.

José Ces Lorenzo dirixindo na Aula de Cultura de Santiago.



Despois o noso director na entrada dos 80 foi Prudencio Romo de Noia, un dos fundadores do grupo “Los Tamara”, e como subdirector estaba Francisco Ces Lorenzo (Paco o Lorcho).



Prudencio Romo dirixindo nun concerto en Portosín.



Francisco Ces Lorenzo dirixindo no festival de zarzuela.


A raíz da formación de varias orquestras alá polos anos 82-83 con moitos dos compoñentes que tocaban na banda, esta quedou sen a maioría dos músicos orixinais e foi aquí cando vai aparecendo unha segunda xeración de músicos.

Na nova etapa como director estaba Manuel Lorenzo (Sr. Manolo o Pinchudo). Tamén moitos dos seus músicos marcharon en busca de outros rumbos e finalmente esta banda desapareceu.


Manuel Lorenzo dirixindo nun concerto en Campos de Pazos.

No medio tivemos a varios profesores como José Tubío que viña dar clases de clarinete; estivo Yolanda Espiñeira que tamén nos dirixira durante un corto prazo de tempo e daba clases de solfeo.

Na banda pasou un pouco de todo; houbo que renovarse e adaptarse ás circunstancias.

Na vida da banda hai que agradecer a toda esta xente arriba nomeada a súa dedicación e profesionalidade; tamén foi unha grande ventaxa contar sempre co apoio de Centro Cultural e Deportivo; os seus directivos naquela época fixeron un bo traballo. Outro personaxe asociado á banda que non podemos deixar de mencionar foi Sr. Vicente o Canteiro, quen sen ser músico, nin directivo, nin director, nin pai ou avó de ningún de nós, acabou sendo un máis da familia; non se perdeu unha soa actuación!


Sr. Vicente ó fondo, o máis fiel seguidor da banda.


Os que hoxe nos reunimos temos que agradecer o poder estar xuntos despois de tantos anos, outros non chegaron a velo.  Compañeiros músicos, directores, graciñas a todos pola vosa cooperación, é un pracer contar sempre con xente tan noble.

Grazas, Pani, por ser o creador deste blog, así agora podemos vir  atoparnos  aquí cando nos entre a morriña.

Un saúdo a todos os nosos seguidores!

Xa para todos vós, as fotos do 40º aniversario durante o concerto e no xantar.





































Fotos do xantar no restaurante Casa Pachín despois do concerto.





















Por Charo T.